arriba

 
Blanco

EDLG

O futuro do idioma está nos rapaces de hoxe; faise necesario, máis ca nunca, enganchalos ó
noso idioma, á nosa fala. Cómpre crear espazos de sociabilidade para unhas xeracións que
coñecen a lingua, saben falala pero non a usan. É importante, tamén, estimular o amor e a
estima polo propio para que as familias transmitan a utilidade do galego aos seus fillos. Todo
isto require unha vontade de querer avanzar e sementar permanentemente.
Dende o EDLG queremos sementar a paixón polas nosas letras, polos nosos libros, pola nosa
historia, pola nosa música...polo idioma noso, porque “a lingua é o noso corazón e con este
corazón podemos ir á fin do mundo.”


OBXECTIVOS


• Traballar a prol da eliminación dos tópicos tóxicos lingüísticos entre todos os colectivos
que conviven no Colexio.

• Solicitar de todos e cadanseu membro da Comunidade Educativa, un compromiso
persoal no proceso normalizador da Lingua Galega.

• Conseguir que a actitude do alumnado e do profesorado cara á lingua e á cultura
galega sexa positiva.

• Priorizar no ensino do galego a expresión, a afectividade e a utilidade, dándolle un
protagonismo central á oralidade.

• Avanzar no coñecemento da realidade galega: historia, literatura, arte, folclore, etc.

• Construír unha imaxe positiva da lingua galega entre o noso alumnado, a comunidade
educativa e a nosa contorna.

• Promover o orgullo dos galegofalantes pola propia lingua.

• Respectar a diversidade lingüística e cultural como un dereito dos pobos e das persoas.

• Valorar a importancia da lingua galega como elemento fundamental para o
mantemento da identidade de Galicia.

• Mostrar ante o alumnado que a aprendizaxe e utilización da nosa lingua ten interese e
utilidade social.


Propoñémonos como equipo dignificar e divulgar, coa celebración das festas tradicionais, a
nosa cultura, para que se aproximen a ela desde unha valoración positiva.


Samaín

É a festividade de orixe celta máis importante do período pagán en Europa ata a súa
conversión ó cristianismo. Celébrase a noite do 31 de outubro. Representa a fin do verán, das
colleitas e o inicio do outono. Era considerada o “Ano Novo Celta”, que comezaba coa estación
escura. Nesa noite abríanse as portas do “outro mundo” e as fadas e os trasgos camiñaban
entre nós.
Os celtas baleiraban nabos e cabazas dentro dos cales colocaban velas para espantar os malos
espíritos nesta noite máxica.
O alumnado de EI celebra o Samaín recuperando unha vella tradición que, ata hai trinta anos,
tiña presenza en moitas aldeas de Galicia. Era habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles
unhas caras feroces, poñerlles uns paos coma dentes e deixalas nos camiños para asustar ós
viandantes. Os nenos, con axuda dos seus pais/nais labran e decoran as cabazas que logo
forman parte dunha exposición.


Magosto

É unha celebración festiva que representa o paso a outro ciclo agrícola, que coincide coa
matanza do porco, co viño novo e coa colleita das castañas.
O nome refírese á fogueira preparada para asar as castañas, en torno a cal se reúne a
veciñanza para compartir contos e cantigas.
Achegamos esta tradición ao noso alumnado por medio de contos populares, manualidades,
cancións antigas e tamén de autores galegos actuais, bailes (o Parampampero, a muiñeira de
Lugo...). Pretendemos así educar o seu oído a través de ritmos e instrumentos tradicionais.
Celebramos esta festa cantando, bailando e comendo as castañas asadas como facían os nosos
devanceiros.Intentamos continuar esta tradición para que non se esqueza, non se perda e os
nenos valoren as manifestacións propias da nosa cultura.
Ademais, levamos anos divertíndonos cos xogos populares, dando así a coñecer as súas
prácticas e cancións específicas. Os xogos, como outros elementos culturais, teñen unha
dimensión lúdica e educativa, e son parte importante da convivencia e cooperación en grupo.
Posúen un gran valor socio-cultural pois presentan diferentes características dependendo da
zona na que se practica.


Entroido

É unha das festas máis importantes do calendario galego. Celébrase en toda Europa desde
épocas descoñecidas. O nome provén do termo latino “introitum” (entrada á coresma).
O alumnado e profesorado do centro sae ás rúas acompañados pola nosa charanga ou batuca.
O desfile remata no patio cunha xornada de portas abertas para que familiares, amigos e
curiosos gocen da festa e do baile. A ANPA colabora cun posto no que se pode degustar a
gastronomía típica desta celebración.


Día de Rosalía

O 24 de febreiro a nosa escritora máis universal cumpre anos e dende o noso centro
sumámonos a esa celebración tan importante para as nosas letras, dende a literatura, a música
e as artes plásticas.


Día das Letras Galegas

O 17 de maio conmemoramos a publicación da primeira obra integramente en galego
“Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Para celebrar esta data todos os alumnos e
profesores compartimos, no patio do colexio, un tempo de lectura en galego que rematamos
cun manifesto e a interpretación do himno galego. Ademais traballarase a figura do autor/a
seleccionado pola RAG a través de unidades didácticas específicas para cada nivel educativo.